Mike Watt
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 20 de decembro de 1957 (66 anos) Portsmouth, Estados Unidos de América (pt) |
Educación | San Pedro High School Los Angeles Harbor College (en) |
Actividade | |
Ocupación | cantante, compositor de cancións, creador de podcast, locutor de radio, baixista |
Período de actividade | 1978 - |
Membro de | |
Xénero artístico | Punk rock e hard rock |
Instrumento | Baixo, voz e baixo |
Selo discográfico | Columbia Records |
Descrito pola fonte | UbuWeb Obálky knih, |
Sitio web | mikewatt.com |
Michael David "Mike" Watt, nado o 20 de decembro de 1957 en Portsmouth, Virxinia, é un baixista, vocalista e compositor estadounidense. É coñecido por ser o cofundador das bandas Minutemen, Dos e Firehose. No ano 2003 uniuse tamén á reunión de The Stooges. Tamén foi membro do grupo Banyan e participou en diversos proxectos tras a desaparición de Minutemen.
CMJ New Music referiuse a Watt como un "baixista seminal do post-punk".[1] En novembro de 2008 Watt recibiu un premio pola súa traxectoria por parte da revista Bass Player Magazine, presentado por Flea[2].
Biografía
[editar | editar a fonte]Primeiros anos de carreira
[editar | editar a fonte]Watt naceu en Portsmouth, Virxinia. Cando novo a súa familia mudouse a San Pedro (Os Ánxeles), onde amigou con D. Boon. Watt e Boon aprenderon a tocar o baixo e a guitarra respectivamente. Watt era seareiro de T. Rex e Blue Öyster Cult, mentres que a exposición á música rock de Boon estaba limitada a Creedence Clearwater Revival,outra das bandas favoritas de Watt.
Minutemen
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Minutemen (grupo musical).
En 1978 Watt e Boon formaron unha banda chamada The Reactionaries xunto co batería George Hurley e o vocalista Martin Tamburovich. O grupo pasaría a converterse en Minutemen con outro batería chamado Frank Tonche, que só tocaría en dous concertos da banda; Hurley, que estivera no grupo new wave de curta vida Hey Taxi! cando se formou Minutemen, uniríase novamente a Watt e Boon. Despois de asinar un contrato con SST Records en 1980, Minutemen comezou a xirar constantemente, editando varios álbums nese tempo. A súa música estaba baseada na velocidade, a brevidade e a intendidade do punk rock, pero incluía elementos do jazz, folk e funk.
En 1984 Watt coñeceu á baixista de Black Flag Kira Roessler durante unha xira das dúas bandas. Pronto iniciaron unha relación amorosa e comezaron a colaborar en cancións, incluíndo material para o derradeiro álbum de Minutemen, 3-Way Tie (For Last). Tamén formaron un dúo de dous baixos, Dos, co que gravaron e publicaron tres discos.
Minutemen finalizou traxicamente o 22 de decembro de 1985, cando Boon morreu nun accidente de tráfico cando ía a Arizona coa súa moza. A edición do seu quinto álbum, 3-Way Tie (For Last), xa estaba programada no momento do accidente. No documental We Jam Econo, Watt mencionou a derradeira vez que viu a Boon; recibira a letra de 10 cancións do crítico e compositor Richard Meltzer para unha colaboración con Minutemen. Minutemen tamén estaba planeando gravar un álbum triplo co título de traballo 3 Dudes, 6 Sides, 3 Studio, 3 Live como un xeito de contrarrestar as copias piratas.[3]
Firehose
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Firehose.
Tras a morte de Boon Watt entrou nunha profunda depresión; el e Hurley intentaron deixar totalmente a música. Sonic Youth invitou a Watt a pasar un tempo coa banda en Nova York en 1986; gravaron unha versión do tema de Madonna "Burnin' Up" (con guitarras adicionais de Greg Ginn) no primeiro EP de Ciccone Youth, e Watt tocou o baixo en dous temas do álbum de Sonic Youth Evol. Watt cita este período como crítico inspirando a súa carreira post-Minutemen dicindo, "A primeira cousa que fixen foi que Thurston me pedise que tocase o baixo en Evol. Ese foi un momento moi importante. Como, 'Que queres que toque sen D. Boon?'".
Posteriormente, Ed Crawford, un seguidor de Minutemen que conduciu dende San Pedro ata Ohio, persuadiu a Watt e Hurley para continuar facendo música. Firehose formaríase pouco despois. Despois de tres edicións con SST Records, Firehose asinou con Columbia Records a través do A&R Jim Dunbar. Pouco despois do lanzamento en 1993 do álbum Mr. Machinery Operator, a banda decidiu deixalo todo.
Watt e Kira casaron en 1987, pero o seu matrimonio rematou pouco despois da ruptura de Firehose. Porén, tanto a súa amizade como Dos permaneceron intactos; incluso chegaron a gravar o seu terceiro álbum, Justamente Tres, non moito despois do seu divorcio.
Carreira en solitario
[editar | editar a fonte]Despois de traballar con Firehose Watt comezou unha carreira en solitario. O seu primeiro álbum, Ball-Hog or Tugboat?, conta con aparicións de ducias de músicos (moitos deles compañeiros de Watt da súa época en SST nos 80), como Henry Rollins, Eddie Vedder, J Mascis, Carla Bozulich, Evan Dando, Frank Black, membros de Sonic Youth, Red Hot Chili Peppers, Nirvana, Soul Asylum, Jane's Addiction, Beastie Boys e Screaming Trees. O álbum e a súa xira de promoción foron a primeira experiencia de Watt de fama mainstream, cando Vedder e Dave Grohl formaron parte da súa banda de xira. Despois de que Vedder regresase aos seus compromisos con Pearl Jam e de que Grohl comezase a traballar coa súa nova banda Foo Fighters, Watt formou un cuarteto para saír de xira, The Crew Of The Flying Saucer, co guitarrista Nels Cline e dous baterías.
En 1996 Watt contribuíu co baixo en dúas cancións do segundo álbum de Porno for Pyros, Good God's Urge. Finalmente acabou sendo o baixista para a xira que seguiu á edición do mesmo. Ese ano tamén aparecería nun episodio da serie de Cartoon Network Space Ghost Coast to Coast.
En 1997 Watt publicou Contemplating the Engine Room, un ciclo de cancións punk rock usando a vida naval como unha metáfora tanto da súa vida familiar (o álbum ten unha fotografía do seu pai co seu uniforme da Armada na portada), como de Minutemen. O disco, que foi ben reciido pola crítica, conta cun trío de músicos que incluía a Nels Cline na guitarra e a Watt como único vocalista.
Watt pasou a tocar en varios grupos como Banyan (con Stephen Perkins e Nels Cline) e Hellride, unha banda ao vivo que tocaba versións de The Stooges. Tamén tocou en The Wylde Ratttz con Thurston Moore de Sonic Youth e Ron Asheton de The Stooges, gravando unha canción para a película Velvet Goldmine. Watt tamén gravou unha liña de baixo para enviar á banda de sapace folk de Pensilvania The Clubber Lang Gang para o seu álbum Now Here This, no tema "For the Broken People". A mediados de 2011 Watt comezou a tocar o baixo nunha banda de rock psicodélico/progresivo chamada Anywhere, xunto con Cedric Bixler-Zavala de The Mars Volta e Christian Eric Beaulieu de Triclops!. En 2015 uniuse ao proxecto Waywords and Meansigns, un proxecto colaborativo para musicar a novela de James Joyce Finnegans Wake.[4]
Enfermidade, recuperación e The Stooges
[editar | editar a fonte]En xaneiro do ano 2000 Watt enfermou debido a unha infcción no seu perineo, forzándoo a unha operción de emerxencia e a nove semanas de repouso no seu apartamento de San Pedro. Inicialmente foi incapaz de tocar o baixo pero recuperou forzas grazas a ensaios intensivos ademais de tocar en clubs onde interpretaba versións de The Stooges con Hellride en California e con J Mascis e Murph de Dinosaur Jr. en Nova York baixo o nome de Hellride East.
Nese ano Mascis pediulle a Watt participar nunha xira mundial tras o primeiro lanzamento de Mascis post-Dinosaur, o álbum More Light de J Mascis and the Fog. En varios dos concertos, Ron Asheton de The Stooges uniuse a Mascis e Watt no escenario, tocando a banda sets enteiros con cancións de The Stooges. Watt e Mascis unírenso posteriormente a Asheton e o seu irmán, o batería dos Stooges Scott Asheton, para unha única actuación nun festival belga baixo o nome Asheton, Asheton, Mascis & Watt. No ano 2001 Watt foi un dos varios baixistas convidados a participar nas sesións do The Deep End de Gov't Mule, en parte pola recomendación de Les Claypool de Primus. Watt e Gov't Mule gravaron unha versión do tema de Creedence Clearwater Revival "Effigy" para o disco. As sesións foron inmortalizadas no documental Rising Low.
En 2002, Watt, xunto con Pete Yorn e membros de The Hives, acompañaron a Iggy Pop para un curto concerto de temas dos Stooges na cerimonia do Shortlist Music Prize, tras o cal pedíronlle a Watt que tocase o baixo na formación dos reunidos Stooges en 2003. A banda realizaría o seu primeiro concerto en case 20 anos no Coachella Valley Music and Arts Festival en maio de 2003.
En 2003, a editora do Quebec L'Oie De Cravan publicou o primeiro libro de Watt, Spiels Of A Minuteman. O libro, impreso tanto en inglés como en francés, contén todas as letras das cancións de Watt da época Minutemen, o diario de xira que escribiu durante a única xira europea do grupo con Black Flag, ensaios do antigo copropietario de SST Joe Carducci, de Thurston Moore, e do letrista de Blue Öyster Cult e heroe de Watt durante moito tempo Richard Meltzer, ademais de ilustracións de Raymond Pettibon que foron usadas en todos os álbums de Minutemen.[5]
The Secondman's Middle Stand
[editar | editar a fonte]O terceiro álbum en solitario de Watt, The Secondman's Middle Stand, inspirado pola súa enfermidade do ano 2000 e por un dos seus libros favoritos, Divina Comedia de Dante,[6] foi publicado en 2004. Por vez primeira dende Minutemen, Watt gravou o álbum cunha banda formada totalmente por músicos de San Pedro, Mike Watt & The Secondmen, composta polo organista Pete Mazich e o batería Jerry Trebotic, xunto coa antiga vocalista de that dog. Petra Haden.
Mentres promocionaba The Secondman's Middle Stand, Watt anunciou plans para futuras gravacións, indicando que tiña a intención de gravar coa mesma frecuencia que nos seus anos con Minutemen todo o tempo que puidese. Watt abandonou amigablemente Columbia/Sony BMG en 2005, despois de 14 anos tanto como artista en solitario como en Firehose.
Unknown Instructors
[editar | editar a fonte]En 2005 aparecería outro proxecto paralelo con Watt co anuncio o 20 de setembro do lanzamento de The Way Things Work, un álbum de música improvisada do grupo Unknown Instructors, que contaba con George Hurley, Joe Baiza e Jack Brewer de Saccharine Trust, e o poeta e saxofonista Dan McGuire. Un mes despois da publicación do disco Unknown Instructors gravou un segundo traballo, The Master's Voice, co líder de Pere Ubu David Thomas e o artista Raymond Pettibon uníndose á banda. Un terceiro álbum coa mesma formación, Funland, editaríase no ano 2009 e conta cunha semi-versión (letra orixinal sobre música nova) do tema de Captain Beefheart "Frownland".
Watt promovería o seu interese pola música improvisada formando un trío, Los Pumpkinheads, co antigo teclista dos Beastie Boys Money Mark e Caroline Bermudez.
O 14 de decembro de 2005, o McNally-Smith College of Music de Saint Paul, Minnesota anunciou a creación da bolsa de estudos de baixo Mike Watt que se entrega anualmente dende o outono de 2006.
En marzo de 2006 formou parte da interpretación no Disney Hall de Los Angeles, da sínfonía nº13 de Glenn Branca "Hallucination City".
The Weirdness
[editar | editar a fonte]En outubro de 2006 uniuse ao resto dos membros de The Stooges no estudio de Steve Albini, o Electrical Audio Studio de Chicago, Illinois, para gravar The Weirdness, o primeiro álbum de estudio da banda dende o Raw Power de 1973. O disco foi editado o 6 de marzo de 2007, e Watt pasou gran parte dese ano con The Stooges, incluíndo a primeira gran xira polos Estados Unidos dende a reforma do grupo.[7]
En novembro de 2006 Watt revelou a Pitchfork Media que contribuíra co baixo en seis temas de My December, o terceiro álbum do cantante de American Idol Kelly Clarkson, un traballo de estudio que colleu pola invitación do seu vello amigo o produtor e enxeñeiro David Kahne.
Watt tamén traballou noutros dous proxectos durante este período: Funanori, unha colaboración musical con Kaori Tsuchida, guitarrista de The Go! Team, tocando o shamisen e outros instrumentos; e Pelicanman (nome sacado do último tema de The Secondman's Middle Stand) con Petra Haden. As primeiras tres cancións gravadas por Watt e Tsuchida como Funanori foron editadas nun EP compartido coa banda de Tokio LITE no verán de 2007 a través de Transduction Records. Watt tamén contribuíu cunha versión do "Burning For You" de Blue Öyster Cult, gravada con Haden, Nels Cline, Money Mark Nishita e o batería de Red Hot Chili Peppers Chad Smith, ao recompilatorio Guilt by Association, editada en agosto polo selo independente Engine Room Recordings.
O 9 de xuño de 2007 Watt foi o narrador ao vivo da película muda Brand Upon the Brain! no Egyptian Theatre de Hollywood, California.
Hyphenated-Man, selo clenchedwrench e reunión de Firehose
[editar | editar a fonte]Watt reuniuse coa última formación de Black Gang, composta por Nels Cline e Bob Lee, para gravar un novo álbum. Supostamente titulado My Shibun No Hi, ata a data aínda non foi publicado.
Continuando a súa exploración tanto coa música improvisada como coa escena da música independente xaponesa, Watt, xunto con Nels Cline e o produtor David Kahne, formaron Brother's Sister's Daughter cos membros de mi-gu Shimizu "Shimmy" Hirotaka e Yuko Araki para facer unha xira de dúas semanas e gravar despois un álbum. O disco foi mesturado por Hirotake pero aínda non ten selo discográfico nin data de lanzamento. Dende entón a banda gravaría dous traballos máis.
Watt e Cline uníronse en Nova York para formar Floored by Four coa ex-teclista de Cibo Matto Yuka Honda e o batería de Lounge Lizards Dougie Boune. O grupo estreouse no Central Park Summerstage o 1 de agosto e gravou o seu primeiro álbum xusto despois.[8] O disco foi publicado a finais de setembro de 2010 a través do selo de Sean Lennon Chimera Music. Honda reuniríase máis tarde con Watt e Cline para unha segunda xira e sesión de gravación de Brother's Sister's Daughter no Xapón.[9] Cline e Honda comezaron a saír xuntos (casando finalmente) durante o curso deses proxectos.[8]
Watt foi entrevistado no documental de 2009 Live House sobre a escena musical undergraund do Xapón.
A finais de novembro de 2009 Watt viaxou a Italia para xirar e gravar invitado polo guitarrista italiano Stefano Pilia. A banda do proxecto, Il Sogno Del Marinaio, fixo unha curta xira de seis datas, despois da cal realizaron as gravacións para o álbum La Busta Gialla.
Watt gravou o seu primeiro disco en solitario post-Columbia, Hyphenated-Man, en dúas sesións separadas 13 meses xunto con The Missingmen no Studio G, o estudio neoiorquino do antigo baixista de Pere Ubu Tony Maimone. Hypnenated-man está formado por 30 cancións curtas inspiradas polas pinturas de Hieronymus Bosch. A primeira sesión para o disco tivo lugar durante un descanso da xira de primavera de 2009 de Watt, durante a cal só se completaron as pistas debatería e guitarra. Watt gravaría as voces e os baixos con Maimone en xuño de 2010. O disco publicouse no Xapón a través de Parabolic Records o 6 de outubro de 2010, e Watt iniciou a súa primeira xira en solitario polo país para promocionalo. A edición do disco no resto do mundo tivo lugar o 1 de marzo de 2011 a través do selo clenchedwrench, que Watt acabara de crear, acompañando o lanzamento cunha xira de 51 datas polos Estados Unidos e o Canadá entre o 10 de marzo e o 30 de abril.[10]
Watt está usando clenchedwrench para sacar algunhas gravacións esperadas durante moito tempo que tiña na reserva e que fora acumulando nos anos anteriores, comezando polo cuarto álbum de Dos, Dos y Dos, lanzado en xullo de 2011, seguido polo proxecto Spielgusher con Richard Meltzer, Shimizu "Shimmy" Hirotaka e Yuko Araki, editado en xaneiro de 2012, e o álbum de Il Sogno Del Marinaio aparecido en maio de 2012. Watt decidiu crear clenchedwrench despois de regresar da xira xaponesa de Hyphenated-man debido a que tiña demasiados proxectos e quería editalos sen ningún tipo de contratempo.[11]
A reunión de Firehose foi anunciada formalmente cando se souberon as bandas que tocarían no festival de Coachella de 2012. O grupo realizou unha xira curta no mes de abril centrada ao redor das datas do Coachella.
The Watt from Pedro Show
[editar | editar a fonte]Cando non está de xira, Watt presenta un programa de radio por Internet, The Watt from Pedro Show, unha continuación doutro programa que realizara nun pequena emisora de FM a finais dos 90. O programa estreouse o 19 de maio de 2001 e chegou a ser tan popular entre os seguidores de Watt que empresa de hosting, Sightworks, forzou temporalmente ao programa a non emitrne durante a semana ata que atopase un patrocinador ou puiesen dar con outra solución. O 10 de xaneiro de 2006 The Watt from Pedro Show estivo dispoñible como podcast.
No ano 2014 Watt publicou, en colaboración con Sam Dook de The Go! Team, un álbum baixo o nome de CUZ.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ CMJ New Music (ed.). "Mike Watt, Ball-Hog or Tugboat?". Consultado o 12 de outubro de 2016.
- ↑ Leigh, Bill (2008). "Welcome to Bass Player LIVE!". Bass Player Magazine.
- ↑ Earpollution (ed.). "Contemplating: Mike Watt". Consultado o 12 de outubro de 2016.
- ↑ Punk News (ed.). "Mike Watt part of project setting 'Finnegan's Wake' to music". Consultado o 14 de outubro de 2016.
- ↑ L'Oie de Cravan (ed.). "Spiels d'un minuteman / Spiels of a minuteman". Arquivado dende o orixinal o 26 de marzo de 2016. Consultado o 14 de outubro de 2016.
- ↑ Scott Thill (2004). Alternet, ed. "Punk Prophet". Arquivado dende o orixinal o 19 de outubro de 2016. Consultado o 14 de outubro de 2016.
- ↑ Hootpage (ed.). "iggy + the stooges on tour in the u.s. april 2007". Consultado o 16 de outubro de 2016.
- ↑ 8,0 8,1 Jim Fusilli (2010). The Wall Stree Journal, ed. "Four Rock Nomads Unite for a Fleeting Tune". Consultado o 18 de outubro de 2016.
- ↑ Mark Huddle (2010). Verbicide, ed. "Interview: Mike Watt". Arquivado dende o orixinal o 24 de outubro de 2016. Consultado o 18 de outubro de 2016.
- ↑ Mike Watt (ed.). "North American Hyphenated-man tour 2011". Consultado o 18 de outubro de 2016.
- ↑ Mike Watt (ed.). "Iggy + The Stooges in New Zealand + Australia". Consultado o 18 de outubro de 2016.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Mike Watt |